Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca en Carballo o V Curso de Verán...

ENTRE O MÉRCORES 15 E O VENRES 17 DE XULLO

Arrinca en Carballo o V Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística da Universidade da Coruña 'Traballando en lingua'

Martes 14 de xullo do 2009

Nesta quinta edición do curso participarán arredor de 80 persoas, maioritariamente expertos en normalización lingüística, mais debido á alta demanda de matrícula (solicitaron a inscrición máis de 100 persoas), algunhas das sesións faranse abertas ao público, para que todas as persoas interesadas poidan asistir. Estas sesións abertas serán as conferencias 'Razóns para defendermos as linguas ameazadas', do sociolingüista catalán Miquel Strubell (mércores 15 ás 11.00 horas); 'Estado democrático e normalización lingüística', do xuíz e coordinador en Galiza de Xuíces para a Democracia, Luís Villares Naveira (mércores 15 ás 12.30 horas); e 'Pegadas actuais da represión lingüística exercida sobre o galego ao longo do século XX', da profesora Pilar Freitas (xoves 16 ás 10.00 horas).

Ao longo dos tres días, ademais destes temas trataranse outros como a perspectiva individual na defensa dos nosos dereitos (a cargo de Beatriz Vilaverde e Miguel Moreira), o aproveitamento das redes de apoio á lingua por parte dos servizos de normalización lingüística (a cargo de Iolanda Gomis), ou a inutilidade das linguas (a cargo de Goretti Sanmartín). Así mesmo, haberá diversas sesións de traballo sobre diferentes temas. Alén de todo isto, o curso inclúe outras actividades paralelas abertas a todo o público, como a exposición de Xan Leira 'Crónicas da represión lingüística', que se inaugura no Pazo da Cultura ás 20.00 horas do xoves 16 de xullo e que estará en Carballo ata o 31 de xullo; ou a representación por parte de Nobicarelo Teatro da obra 'Comedia bífida', baseada no libro do mesmo nome de Manuel Núñez Singala, tamén o xoves ás 20.30 horas no Pazo. Os interesados e interesadas en obter máis información poden consultar o programa completo do cursiño nesta mesma nova.

Compartir: