Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello promove os establecementos e a...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN ATÉ O VENRES 17 DE XULLO

O Concello promove os establecementos e a gastronomía local coa celebración da I Ruta de Pinchos entre o 8 e o 30 de agosto

Martes 14 de xullo do 2009

Os pinchos serán necesariamente de elaboración propia e só se admitirán as receitas que se poidan servir ou elaborar como tapa, non admitíndose aquelas que poidan entenderse como pratos ou racións. Poderán realizarse receitas tradicionais ou innovadoras, pero presentadas dunha forma creativa e coidada. As tapas puntuaranse a modo orientativo polos clientes, deixando o voto cos seus datos persoais nas urnas situadas en cada local participante. Entre as papeletas dos votos sortearanse varios lotes de produtos ás 14.00 horas do día 30 de agosto, cando está prevista a celebración do Feirón de Tempada correspondente ao verán, na caseta municipal situada na Praza do Concello.

A ruta terá lugar os sábados e domingos, entre os días 8 e 30 de agosto de 2009, no seguinte horario: sábados de 20:00 a 22:00 horas; domingos de 12.00 a 14.00 horas e de 20:00 a 22:00 horas. Os establecementos interesados deberán presentar a inscrición na Oficina de Información Turística de Carballo (situada no Museo de Bergantiños), na Rúa Martín Herrera, nº 8, antes das 14.00 horas do día 17 de xullo de 2009. Os interesados e interesadas en obter máis información poden facelo no teléfono 981 702 077, ou no correo electrónico <museo@carballo.org>. Tamén poden descargar nesta mesma nova as bases da actividade e a folla de inscrición.

Compartir: