Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 80 persoas participan no V Curso...

PRETENDE CONSTRUÍR ARGUMENTOS EN PROL DA LINGUA GALEGA

Máis de 80 persoas participan no V Curso de verán sobre Dinamización Lingüística 'Traballando en lingua'

Mércores 15 de xullo do 2009

Durante tres días, até o venres 17 de xullo, Carballo acolle esta actividade na que haberá conferencias, grupos de traballo e debate, táboas redondas, videoconferencias e a relación dunhas conclusións finais que a organización espera "que sirvan para o avance da lingua", segundo explicaba Goretti Sanmartín. Nel Vidal tamén quixo lembrar que esta quinta edición "tiña que ser especial en canto a contidos, pero tamén en canto a dinámica de traballo", de aí a vontade de que todos os participantes "opinen e debatan durante tres días". Pola súa banda, o deputado Xoán Manoel Sande amosou a vontade do organismo provincial de seguir promovendo convenios cos concellos para poder financiar os Servizos de Normalización Linguística.

Por último, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo M. Lorenzo, subliñou a importancia da celebración de cursiños celebrados "para a reflexión e para o debate" e manifestou que "segue sendo un momento de ledicia" que poidan celebrarse con periodicidade "actividades coma esta". Resaltou, así mesmo, a necesidade de "buscar espazos para o consenso en política lingüística". Como anfitrión, o Alcalde de Carballo foi o encargado de abrir e pechar o acto de inauguración. Evencio Ferrero expresou "que a normalidade do idioma que quero para min tamén a quero para o conxunto da poboación" e desexou a posta en marcha de "medidas que avancen e non desprotexan o galego en ningún ámbito". Por último, invitou aos participantes do curso a visitar Carballo e a coñecer a vila e o municipio.

Compartir: