Inicio Carballo ao día Hemeroteca Razo conxuga natureza e música...

SÁBADO 25 DE XULLO A PARTIRES DAS 21.30 HORAS

Razo conxuga natureza e música independente na IV edición do Festival Sereas e Piratas

Mércores 22 de xullo do 2009

O IV Festival Sereas e Piratas vén de "pechar unha primeira etapa de aprendizaxe", segundo Deus, para asumir o papel de "referente en toda Galicia ou incluso a nivel nacional". O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, resalta a capacidade do festival de "conxugar natureza e música independente", neste caso con diferentes apostas. Este ano, o obxectivo da organización é dar a coñecer músicos emerxentes da escena alternativa galega, comezando polos locais Los Justicieros, agrupación de estilo surfeiro que toca por segunda vez nesta cita. Os lucenses Holywater levan xa varios anos percorrendo os escenarios de toda España, presentando agora o seu terceiro álbum: 'Tranquility'.

O prato forte do festival é sen dúbida o grupo Igloo, que despois de tres anos de parón e só mantendo un dos seus compoñentes orixinais, Beni Ferreiro, chega con enerxías renovadas aínda que sendo fieis á enerxía inicial do grupo. As bases electrónicas déixanse notar no seu terceiro traballo 'La transición de fase'. Precisamente da escisión desta banda xurdiu Disco Las Palmeras!, que con toques máis escuros e influenzas de My Bloody Valentine ou Sonic Youth veñen a completar a proposta do festival. O peche corre a cargo dunha sesión de dj encabezada por YO+YO, membro de Igloo, e coa presenza confirmada a última hora do carballés Fran Rives, moi recoñecido a nivel nacional.

Pero máis aló das citas musicais o festival conta coa colaboración de Art Surf Camp, xa que Razo acolle ao longo do día 25 a primeira proba do Circuito Galego de Surf. Está previsto que as primeiras mangas se disputen na zona da Cabreira a partires das 10.30 horas. Haberá unha máquina para facer manobras espectaculares enriba da táboa e tamén entrevistas e outras sorpresas. Ademais, a proba será retransmitida en directo a través de Internet en <www.artsurfcamp.com/life>. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu a colaboración de xente "que estea disposta a organizar citas para que a os veciños e veciñas desfruten" e animou aos carballeses a que asistan ao festival confiando "en que a meteoroloxía cambie".

Compartir: