Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aborda a aprobación...

SESIÓN PLENARIA ORDINARIA DO MES DE XULLO

A corporación aborda a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo

Venres 24 de xullo do 2009

A aprobación definitiva do documento, cuxa versión inicial aprobouse no pleno do mes de marzo, tamén implica a resolución de alegacións. Segundo o Concelleiro de Persoal, Benedito Viña, un total de 18 persoas presentaron 21 emendas. Un informe técnico elaborado polos sindicatos e a Universidade de Santiago de Compostela, principais redactores do documento, decidiu cales se tiveron en conta e cales non para pechar a RPT definitiva. No pleno tamén está prevista a aprobación do acordo económico que permitirá a implantación da RPT. A Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, explica que no documento definitivo o organigrama coa relación de postos e a valoración económica realizada están recollidos por separado.

O obxectivo desta medida é aclarar a redacción do acordo inicial para eliminar as ambigüidades económicas. Así, no que respecta ás retribucións complementarias, cada posto de traballo conta cunha valoración, medida en puntos. Como consecuencia desta valoración, a nova RPT aplica un valor de 22,32 euros de retribución por punto. Os traballadores que aínda non cheguen a este valor -hai algúns que xa cobran o correspondente a estes parámetros-, verán actualizado o complemento específico do seu salario nos próximos catro anos -entre 2009 e 2012- ata chegar a ese mínimo acordado Poren, ata o de agora non se tiña especificado o valor de punto inicial, que agora queda establecido en 15,82 euros.

Por último, a sesión plenaria inclúe na orde do día a conversión do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular en Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT). Segundo explicou o Alcalde, Evencio Ferrero, trátase dunha adaptación á normativa europea que deben ratificar os 35 concellos que forman parte do Eixo e que implica a xestión do irmandado desta asociación de municipios. No que respecta ao punto de rogos e preguntas, os distintos grupos da corporación aínda non teñen presentado ningunha documentación no rexistro municipal.

Compartir: