Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Alcalde recibe ao equipo cadete feminino Fogar...

CONCELLARÍA DE DEPORTE

O Alcalde recibe ao equipo cadete feminino Fogar Triatlón Carballo, actuais campionas de España

Venres 24 de xullo do 2009

Tamén estaba prevista na recepción a presenza de Pablo Balsa, que conseguiu a primeira medalla para o Concello de Carballo nos VIII Xogos do Eixo Atlántico que se celebraron na Coruña a principios do mes de xullo. Impúxose en natación, na carreira dos 100 metros libres, cun tempo de 55'' 03, e conseguindo a medalla de ouro. Poren, Balsa non puido asistir, aínda que recibirá igualmente un agasallo de parte do Concello pola súa excelente participación nos Xogos, que se saldaron tamén con boas clasificacións en fútbol 7, baloncesto e balonmán.

Evencio Ferrero interesouse polo día a día de adestramentos das triatletas do Fogar e animounas a seguir co seu compromiso co deporte, incluso xogando en ton de broma coa arela de "que algún día en Carballo exista un medallista olímpico". Transmitiulles os parabéns de todos os carballeses e carballesas polo seu éxito e desexoulles que o próximo ano se poidan seguir cantando vitorias coma as súas. As integrantes do equipo manifestaron con bo humor que o seu reto para o ano que vén e saltar á competición internacional e expresaron a súa vontade de seguir traballando "para estar aí arriba".

Compartir: