Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 200 nenos e nenas participan nas...

CONCELLARÍAS DE EDUCACIÓN, BENESTAR E DEPORTE

Un total de 200 nenos e nenas participan nas Escolas Deportivas de Verán de Balonmán Xiria

Luns 27 de xullo do 2009

Dentro do programa de actividades, destaca o desenvolvemento de xogos, informática, manualidades, inglés, expresión oral, ademais de múltiples citas deportivas e excursións á praia ou ao monte. O horario é de 9.30 a 13.00 horas, aínda que unha das novidades desta edición é a presenza dun horario máis reducido de 11.00 a 13.30 horas. En canto á distribución das actividades, divídense tanto por sesións como por tramos de idade, e as escolas contan con monitores especializados. No caso da Escola de Verán hai catro grupos de 25 nenos e nenas; e no da Escola de Xogo e Iniciación Deportiva para Peques, cinco grupos de 20 nenos e nenas.

No que respecta aos prezos, a cota por dous meses é de 70 euros para socios da EB Xiria, e de 90 euros para non socios. Por un mes, as cotas son de 40 euros e 50 euros para socios e non socios, respectivamente. Para os irmáns dos participantes hai un desconto do 15 por cento. Poren, hai que subliñar que o Concello de Carballo colabora con algunhas familias en risco de exclusión social e con rendas moi reducidas, de tal xeito que hai nenos e nenas que están podendo desfrutar destas escolas de balde. Hai que lembrar que, ademais do Concello de Carballo, nas Escolas de Verán colaboran a Asociación Anti-Droga Vieiro, o Grupo Eter (Ifecgás Pereira e Africliber), Caixanova e Lista Granit.

Compartir: