Inicio Carballo ao día Hemeroteca O curso de verán 'Traballando en...

CONCELLARÍA DE CULTURA E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O curso de verán 'Traballando en lingua' conclúe que cómpren novos discursos modernos, claros, rigorosos e integradores para a promoción do galego

Martes 28 de xullo do 2009

Nos quince puntos que constitúen estas conclusións sinálase, por exemplo, que a promoción do galego 'debe ligarse con valores sociais positivos, coa construción da xustiza social' e coas 'teses mantidas polo ecolingüismo'. Tamén se reclama das administracións públicas 'que cumpran o papel emisor que lle outorga o marco legal vixente e, xa que logo, que retomen e difundan o discurso normalizador'. Con respecto ao ensino, o curso concluíu que se detecta 'a necesidade de o galego se constituír na lingua vehicular dunha parte substancial das materias e é unánime a consideración positiva deste feito'; ademais, 'é xeral a oposición a unha segregación do alumnado por razón da lingua, unha opción que se xulga inmotivada e que contradí tanto a lexislación como os criterios académicos e pedagóxicos'.

Nas conclusións do curso tamén se esixe da clase política que 'o discurso e a acción en política lingüística teña estabilidade a longo prazo e que non dependa das opcións políticas que estean a gobernar, nin de resultados electorais para, deste modo, procurar unha identificación do idioma que nos vincule, colectivamente e por consenso, como galegas e galegos'. Tanto as conclusións xerais do curso, como as dos diferentes grupos de traballo están ao dispor de todas as persoas interesadas tanto no web do SNL da Universidade da Coruña <www.udc.es/snl> como no da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua <www.ctnl.org>.

Compartir: