Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello, Protección Civil e o Centro de...

OS CARBALLESES E CARBALLESAS REALIZARON 1.162 DOAZÓNS EN 2008

O Concello, Protección Civil e o Centro de Transfusión impulsan a participación veciñal na doazón de sangue

Mércores 29 de xullo do 2009

Durante a próxima fin de semana Protección Civil realizará unha campaña de difusión a través da megafonía das praias do municipio, ademais de colaborar na pegada de carteis e nun operativo que estará o luns e o martes nas rúas próximas ao centro da capital municipal para informar aos veciños e veciñas. Hai que subliñar que no pasado ano 2008, grazas ao incremento do 2 por cen experimentado na participación dos seus habitantes, Carballo acadou un índice de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano (un total de 1.162 doazóns), cifra que o sitúa dentro das recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Poren, o CTG continuará desenvolvendo campañas de doazón no presente 2009 para que Carballo se sitúe nas cotas máis altas de participación dos concellos da provincia da Coruña.

Así, o Concello remitirá máis de 1.000 tarxetas informativas para os veciños e veciñas e dende o CTG Ángeles Pazos resaltou o labor de distribución de información que se realizará nos vindeiros días "para chegar a toda esa xente da que precisamos a súa colaboración". Así mesmo, tanto a corporación local como o Centro de Transfusión de Galicia queren amosar o seu agradecemento a todos os veciños e veciñas do municipio que, cada día, participan nas campañas de doazón de sangue, permitindo, deste xeito, que moitos enfermos podan recuperar un bo estado de saúde. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quere "facer un chamamento a todas as persoas que viven ou visitan Carballo para que se animen a doar sangue", para así "entre todos, avanzar no compromiso solidario". Os interesados e interesadas en coñecer máis sobre as doazóns, poden visitar a web do CTG.

Compartir: