Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña 'Este verán salva...

CARBALLO REXISTROU UN 20 POR CENTO DE NOVOS DOADORES

A campaña 'Este verán salva vidas. Comparte saúde', promovida polo Concello, Protección Civil e o Centro de Transfusión, acada 119 doazóns

Mércores 5 de agosto do 2009

A iniciativa impulsada polo CTG, Protección Civil e o Concello de Carballo rexistrou uns excelentes resultados de participación e grazas á resposta dos veciños e veciñas de Carballo e ás súas 119 doazóns será posible, por exemplo, realizar 60 intervencións cirúrxicas ou seis transplantes de fígado. Así mesmo, esta campaña de sensibilización social a prol deste xesto solidario ten especial importancia nos meses de verán, xa que neste período aumenta a demanda de compoñentes sanguíneos debido ao incremento das urxencias derivadas dos accidentes de tráfico.

O CTG quere agradecer ao Concello de Carballo e a Protección Civil de Carballo a súa constante colaboración e compromiso co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, agradecemento que fai extensivo a todos os colectivos, organismos e institucións públicas e privadas e lembra que, para solucionar calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue é posible consultar a páxina web: <ctg.sergas.es> ou contactar coa liña de atención telefónica gratuíta 900 100 828. En todo caso, o Centro de Transfusión segue animando aos veciños e veciñas a que continúen doando sangue en futuras visitas da unidade móbil ao Concello carballés.

Compartir: