Inicio Carballo ao día Hemeroteca Razo acolle o 23 de agosto a celebración...

MÁIS DE 250 PERSOAS PARTICIPAN NAS ESCOLAS DE VERÁN DE VOLEI

Razo acolle o 23 de agosto a celebración do II Torneo de Volei Praia Concello de Carballo

Venres 14 de agosto do 2009

Trátase dunha iniciativa que pretende fomentar a actividade física no verán, que está dirixida a toda a poboación e que aproveita as excelentes condicións para o deporte que reúne a praia de Razo. A actividade estase desenvolvendo todas as tardes desde o mes de xullo, e terá o seu punto destacado coa celebración o 23 de agosto do II Torneo de Volei Praia Concello de Carballo. A organización corre a cargo do Concello e da AD Voleipraia Costa da Morte, unha entidade con experiencia na organización deste tipo de actividades.

O Torneo conta con numerosas categorías para favorecer a participación da maioría dos veciños e veciñas: súper mini (para cativos e cativas), júnior, sénior, súper 70 (a parella participante debe sumar máis de 70 anos) e torneo súper 80 para adultos (máis de 80 anos entre a parella participante). A cita é nas canchas situadas na explanada do areal e a organización espera unha participación aproximada de 100 xogadores. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a participación en actividades deportivas como hábito de ocio activo, especialmente nas dirixidas a toda a familia.

No que respecta ás Escolas de Volei e á celebración de competicións diarias, son de libre participación para as persoas que se inscriban in situ e desenvólvense de 16.00 a 20.00 horas. Ata o momento téñense inscrito un total de 268 persoas, cun número global de 810 participantes. A media de asistencia diaria é de 45 persoas, o que cubre os obxectivos da actividade, que pretende incrementar a actividade física e o gasto calórico na asistencia ás praias. Nas competicións pode participar calquera veciño ou veciña, aínda que nas escolas o mínimo de idade son os 8 anos. O Concello de Carballo realizou un balance moi positivo desta iniciativa, nunha presentación que contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; e a coordinadora da actividade, Vanesa Remuiñán.

Compartir: