Inicio Carballo ao día Hemeroteca 'Xantar na casa' atende xa as...

O PROGRAMA GARANTE UNHA ALIMENTACIÓN EQUILIBRADA E DE CALIDADE

'Xantar na casa' atende xa as necesidades de 16 persoas maiores e dependentes do Concello de Carballo

Venres 21 de agosto do 2009

Silveira Sande considera que a implantación de 'Xantar na casa' repercute eficazmente nunha dobre dirección. Por un lado, destacou a edil carballesa, "mellora de xeito substancial a alimentación e o coidado personalizado das persoas maiores e con problemas de dependencia", mentres que polo outro "ten consecuencias sobre a conciliación da vida familiar e laboral xa que facilita un respiro ás persoas que as coidan habitualmente, na súa maioría mulleres".

A concelleira de Igualdade e Benestar sinalou tamén que estes 16 casos corresponden a persoas que viven espalladas por toda a xeografía carballesa. Con todo, e grazas ao esforzo coordinativo e á optimización do tempo, estanse solucionando sen problema as dificultades que derivan desta dispersión.

Valoración de novos casos
Para a posta en marcha de 'Xantar na casa' en Carballo os Servizos Sociais do Concello incluíron en primeiro lugar os casos xa valorados a través do Servizo de Axuda no Fogar. Deste xeito atenderon con prioridade a persoas con algún grado de dependencia ás que lle resulta moi dificultoso realizar tarefas básicas da vida diaria como cociñar ou facer a compra.

Para unha ampliación do número de usuarios/as e a derivación de novos casos vanse establecer nexos de coordinación co Centro de Saúde de Carballo e outros entes sociais pois, en principio, as prazas reservadas para Carballo no ano 2009 son 30, con posibilidade de realizar unha ampliación.

As persoas que desexen coñecer cal é a súa posibilidade de acceso ao servizo deberán solicitar cita previa no departamento de Servizos Sociais do Concello de Carballo, en horario de luns a venres de 9.00 a 13.30 horas, ou chamando ao 981 704 706.

Alimentación equilibrada e atención personalizada
A posta en marcha deste servizo de comida a domicilio, que facilita e garante unha alimentación equilibrada e de calidade ás persoas maiores, dependentes e/ou en risco de exclusión social, foi posible grazas ao convenio asinado a comezos de 2009 entre o Concello de Carballo e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O obxectivo principal deste programa é o de mellorar o nivel de benestar e de calidade de vida de moitas persoas maiores e/ou dependentes, e tamén das súas familias, sen necesidade de afastalas do seu contorno comunitario.

Os usuarios e usuarias deste servizo reciben unha alimentación de calidade e nutritiva e os seus casos son analizados de xeito individualizado por profesionais que, ademais, fan un seguimento e acompañamento destas persoas nos seus domicilios.

'Xantar na casa' foi posto en marcha pola anterior Vicepresidencia da Xunta de Galicia en outubro de 2008 co fin de situar a Galiza á vangarda do Estado nos servizos sociais de proximidade e axuda domiciliaria.

Compartir: