Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación destina 257.000 euros para o...

148.380,88 EUROS PARA DOTAR DE ENERXÍA SOLAR A PISCINA MUNICIPAL

A Deputación destina 257.000 euros para o centro social de Cances

Venres 4 de setembro do 2009

A Deputación da Coruña destinará 256.942, 31 euros para financiar as obras do novo centro social de Cances, no Concello de Carballo. A achega provincial supón o 80% do orzamento global do proxecto, que ascende a 321.178 euros.

Así se recolle no convenio suscrito polo presidente da institución provincial, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde carballés, Evencio Ferrero, nun acto que contou tamén coa asistencia do tenente alcalde da localidade, José Antonio Viña Patiño.

Evencio Ferrero agradeceu a cooperación económica da institución provincial para facer realidade un proxecto moi necesario para esta parroquia carballesa, xa que a aula da escola unitaria que cumplía as funcións de centro social vai a recuperar o seu orixinal uso docente, polo que as asociacións e veciños desta parroquia precisan dunhas novas instalacións que acollan as súas actividades, e que serán máis modernas, amplias e adecuadas xa que contarán cun edificio de máis de 500 metros, segundo o exposto polo alcalde.

Pola súa banda, Salvador Fernández Moreda afirmou que a sinatura deste convenio representa un exemplo máis da vocación de cooperación da institución que preside cos concellos, así como do apoio que dende a Deputación se presta ao tecido asociativo e ás entidades veciñais da provincia.

Enerxía solar térmica na piscina municipal
Salvador Fernández Moreda e Evencio Ferrero asinaron tamén un convenio para o financiamento das obras que permitirán o subministro de enerxía solar térmica á piscina municipal de Carballo, abaratando os seus custos enerxéticos e obtendo unha fonte máis ecolóxica de enerxía, para o que a Deputación da Coruña achegará un orzamento de 148.380,88 euros.

Compartir: