Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT persegue a súa faciana máis...

O 1 DE OUTUBRO É A PRESENTACIÓN OFICIAL DO FESTIVAL

O FIOT persegue a súa faciana máis internacional con espectáculos chegados de Portugal, Arxentina e Chile

Luns 28 de setembro do 2009

A presentación oficial contará así mesmo coa participación do humorista Xosé Touriñán, que fará un pequeno espectáculo especialmente creado para presentar o FIOT '09. Xosé Touriñán ten participado na Rúa dos Contos en numerosas ocasións, tanto co dúo cómico 'Os dous de Sempre' como co personaxe 'José Lojo'. Xunto ao seu compañeiro Marcos Pereiro participa nun programa da TVG cos personaxes de Nucha e Mucha con grande éxito de audiencia. Por outro lado, Xosé Touriñán participa na serie 'Padre Casares' e conduce o programa 'Botarse ao monte', adicado aos amantes do montañismo.

En canto á presenza internacional, a compañía portuguesa Chapitô regresa ao FIOT con 'A Tempestade', baseado na peza do dramaturgo inglés William Shakespeare. Esta compañía sempre sorprende con postas en escea moi innovadoras. A representación arxentina corre a cargo da compañía Los Modernos e o seu espectáculo 'Fo' (na imaxe). Dous actores serán os que nos fagan rir con xogos de palabras e cancións, con ironía e moito humor. Para finalizar, Chile estará representado pola compañía El Viaje Inmóvil que presentarán por primeira vez en Galicia 'Gulliver', unha excelente peza teatral tanto pola interpretación actoral como polo manexo das marionetas.

Compartir: