Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o V Torneo de Basket das Festas...

12 DE OUTUBRO: NOS PAVILLÓNS VILA DE NOIA E CARBALLO CALERO

Carballo acolle o V Torneo de Basket das Festas do Pilar, organizado polo colexio Artai e a Escola de Basket Xiria

Mércores 7 de outubro do 2009

O torneo, organizado polo colexio Artai e a Escola Basket Xiria coa colaboración do Concello, conta cunha primeira fase pola mañá, na que os responsables subliñan a presenza de máis competitividade con equipos coma o Basquet Coruña; e outra pola tarde máis dirixida ao público carballés con enfrontamentos cos cadetes do Artai e os sénior do Xiria, os equipos locais. A entrega de trofeos está prevista para as 20.00 horas no pavillón Vila de Noia, Esta cita pretende, así mesmo, seguir fomentando as categorías inferiores, e xa se ten convertido nunha data imprescindible dentro do calendario da Federación Galega de Baloncesto, que cualifica este torneo de "fantástico".

O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou que Carballo ten das mellores escolas das diferentes modalidades deportivas, entre as que se atopa o baloncesto. O obxectivo é "facilitar que todos os rapaces e rapazas que queiran facer deporte poidan facelo". Neste sentido, a organización espera que en próximas edicións do Torneo Festas do Pilar tamén haxa un espazo para a categoría feminina. Ferrero resalta, así mesmo, que no calendario deportivo carballés xa hai datas de referencia, como o Torneo de Fútbol 7 en San Xoán, o de balonmán en setembro e esta, das Festas do Pilar, o que "fixa interese e crea ilusión", ademais de que o público responde enchendo os pavillóns. "Esperemos que un día de festa se converta tamén nun día de éxito deportivo", remata o Alcalde.

Os interesados e interesadas en consultar os horarios dos enfrontamentos polo miúdo poden facelo na páxina web do Xiria Basket en <www.xiria.es>.

Compartir: