Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha estrea en España e dúas en...

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO

Unha estrea en España e dúas en Galicia marcan a primeira fin de semana dos espectáculos de sala do FIOT '09

Venres 9 de outubro do 2009

'A tempestade’ propón unha historia de maxia, monstros e espíritos nunha illa encantada e nun mar distante. O clásico de Shakespeare convértese nunha comedia visual que conta o que acontece nun mundo de soño, cando a inocencia, o medo, o amor a vinganza e a maldade se enfrontan. Todos os personaxes dependen da vontade de Própero, pero nin el mesmo se libra de caer na súa tea. A Companhía do Chapitô sorprendeu hai uns anos no FIOT con 'O grande criador' e agora presenta unha versión en portugués co humor que os caracteriza. O sábado 10 de outubro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A duración da obra é de 75 minutos e o custo da entrada de 5 euros.

O domingo 11 é a quenda de 'Mundo y final', de Ron Lalá. O espectáculo parte da premisa de que o mundo será destruído e aniquilado en breves momentos, e en directo. Serán capaces os cinco actores e músicos de deter o desastre ou provocarán aínda máis desorde no universo?. Ron Lalá chegan dende Madrid para ofrecer un cóctel fresco e enxeñoso, acedo e divertido no que conflúen elementos como a vangarda civil, o cante jondo sideral ou cactos que suplican pola desertización do planeta. A partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A duración da obra é de 90 minutos, e o prezo de 8 euros.

E a intensa primeira fin de semana do FIOT '09 remata con outra aposta madrileña, neste caso coa veterana Compañía Cuarta Pared e 'Siempre fiesta'. É a historia de alguén que busca a felicidade e dunha familia case perfecta que se reúne para a cea do Nadal. Unha familia con moitas contas pendentes na que conviven ilusións e enfados, nunha festa que semella non rematar nunca. Una comedia fresca a modo de fábula coa que Cuarta Pared completa a súa última triloxía presentando unha nova cara dos paradoxos da sociedade actual. A cita é o luns 12 de outubro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A duración da obra é de 90 minutos, e o prezo da entrada de 5 euros.

Para obter información sobre a venda de entradas, premer aquí.

Compartir: