Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Rúa dos Contos, o letreiro de 'todo...

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO 2009

A Rúa dos Contos, o letreiro de 'todo vendido' e os aplausos do público marcan a primeira fin de semana do FIOT

Martes 13 de outubro do 2009

Nos espectáculos de sala, a posta de largo chegou o sábado 10 coa Companhía do Chapitô. A representación en portugués non impediu que os espectadores que ateigaron o auditorio o Pazo da Cultura entenderan á perfección 'A tempestade', na que tres actores e unha saba negra deron vida en clave de humor a esta obra de Shakespeare. Nin unha entrada quedou sen vender para ver o domingo a Ron Lalá e o seu 'Mundo y final', cinco actores e tamén excelentes músicos reproduciron nunha serie de gags e esceas delirantes algunhas das situacións que poderían darse o día da fin do mundo. Por último, a Compañía Cuarta Pared tamén conseguiu encher por completo o auditorio no día do Pilar, neste caso cunha comedia agridoce de amargo final na que seis actores e actrices reproduciron unha e outra vez a cea de Noiteboa dunha familia calquera.

Superado este intenso comezo, os espectadores xa esperan as novas sesións de teatro, que volven o venres 16 da man da compañía El viaje inmóvil, cunha peculiar versión de 'Gulliver'. Antes, para os máis arriscados, Cándido Pazó ofrece un Obradoiro de expresión oral que principia o mércores 14 ás 19.00 horas no Pazo da Cultura. En canto á venda de entradas, a organización informa de que xa están esgotados os tickets para ver a Lola Herrera, pero que tamén están a piques de rematarse os dispoñibles para Teatro do Morcego e o seu 'O rosmón' e as de Teatro Corsario, que ofrecerá 'El caballero de Olmedo'. Para obter máis información sobre a venda de entradas, premer aquí.

Compartir: