Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT concede o galardón Xograr de Outono...

A ENTREGA DO PREMIO TERÁ LUGAR O 24 DE OUTUBRO

O FIOT concede o galardón Xograr de Outono 2009 ao autor, director de escea, narrador oral e actor Cándido Pazó

Xoves 15 de outubro do 2009

Cándido Pazó comeza a súa actividade como actor, en 1975, vencellándose ao nacente movemento teatral vigués e galego, sendo un dos pioneiros das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia. Logo dunha primeira etapa de actor en diversas compañías e no Centro Dramático Galego, debuta como autor e director de escena con 'O melro branco', peza representada pola súa compañía Tranvía Teatro, e que acadou o Premio Xeración Nós de Teatro Infantil no ano 1989. Dirixindo a compañía Ollomoltranvía, pon en escea o seu traballo máis célebre, 'COMMEDIA, un xoguete para Goldoni', espectáculo de commedia dell’arte que recibe os premios Compostela 93 ao Mellor Espectáculo e Mellor Dirección.

Entre outros espectáculos escritos e/ou dirixidos destacan: 'Nau de Amores', montado a partir de textos de 16 obras de Gil Vicente; Nano, monólogo a partir de textos da novela 'Tic Tac' de Suso de Toro; 'O bululú do linier'; 'ÑikiÑaque', Premio Max 2002 ao Mellor Texto Orixinal en Galego; 'Binomio de Newton'; 'Bicos con lingua', escrito con outros autores e que acadou o Premio María Casares 2004 ao Mellor Texto Orixinal; 'Emigrados'; 'A piragua', producida polo Centro Dramático Galego; 'E ti quen vés sendo', producido por Talía Teatro, que foi nominado ao Premio Max 2009 ao Mellor Texto Orixinal en Galego e que visitou o FIOT o ano pasado. No campo da narración oral (contos, monólogos, historias), ten participado en numerosos festivais en España, Portugal e América Latina e imparte un seminario anual sobre 'a oralidade no actor' na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto.

Compartir: