Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do convenio...

CREACIÓN E MODIFICACIÓN DE VARIAS ORDENANZAS

O pleno aborda a aprobación do convenio que permitirá sacar adiante o proxecto de reforma integral do mercado municipal

Venres 23 de outubro do 2009

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Facenda, María Jesús Vázquez, cualificaron este convenio como "un acordo extraordinariamente vantaxoso para o Concello", non só polas condicións e polo feito de que a achega sexa efectiva antes incluso do comezo das obras, algo que non é habitual neste tipo de subvencións, senón porque se existe algunha baixa no prezo durante o proceso de contratación, o importe íntegro dese aforro repercutirá directamente nas arcas do Concello. Esta cantidade empregaríase para o financiamento dos 600.000 euros estipulados como a achega municipal para realizar a obra, que ten un importe total, con IVA, de 2.443.436,78 euros. En canto ao comezo da reforma, o Alcalde subliña que se producirá despois do Nadal, xa que os concesionarios dos postos solicitaron poder realizar esta campaña comercial antes do inicio das obras, algo ao que teñen accedido tanto o Ministerio coma o Concello.

Entre os asuntos da orde do día, hai, así mesmo, varios puntos relacionados coas ordenanzas municipais. Debátese a aprobación inicial dunha nova Ordenanza reguladora do funcionamento do servizo de axuda no fogar e dos seus prezos públicos. Neste momento asumen estas tarefas un total de quince persoas. Por outra banda, tamén se aborda a aprobación inicial dunha ordenanza que gravará ás compañías de telefonía móbil polo seu uso do dominio público local. Os servizos técnicos teñen calculado a aplicación dunha taxa dun 1,4 por cento do total das ganancias da actividade destas compañías en territorio municipal, o que suporá un total de 121.106,76 euros por ano para as arcas do Concello.

No apartado de ordenanzas, tamén hai que mencionar dúas modificacións. Unha referente á ordenanza fiscal polo subministro de auga potable. Cada ano, segundo contrato con Aquagest, actualízase ao IPC. Ao haber este ano IPC negativo, redúcense as cotas de consumo nun 1 por cento. Outra das modificacións regulará a ordenanza que rexe o cobro do servizo de depuración no medio rural, en previsión da posta en marcha das Estacións Depuradoras de Augas Residuais nas parroquias nas próximas semanas. Por último, tamén hai que destacar a declaración institucional do Concello con motivo do 25 de novembro 'Día internacional contra a violencia de xénero'. Neste ano, co lema especial de "a proximidade aumenta a sensibilidade", lembrando especialmente o caso de violencia de xénero que tivo lugar na comarca o pasado verán.

Compartir: