Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cándido Pazó recolle o Xograr de...

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT '09)

Cándido Pazó recolle o Xograr de Outono arroupado polos galardoados anteriores e dedicándollo a terras de Bergantiños

Luns 26 de outubro do 2009

O Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, foi o encargado de entregar o galardón, e cualificou a Pazó como unha persoa "imprescindible no teatro galego". O premiado tivo espazo nos agradecementos á fala de Bergantiños e á lingua, así como á súa xente máis próxima. Tivo moitas lembranzas para Carballo e a Costa da Morte, unha terra que o ten acollido e do que xa se considera parte, pero tamén para persoas con nome e apelidos como programador cultural Xosé Manuel Eirís (no pasado), á Concelleira de Cultura de Carballo, Belén Lendoiro (no presente) e a Carlos o Xestal (no futuro). Ademais do conselleiro e os xograres, no acto estiveron presentes o Alcalde, Evencio Ferrero, o presidente da AC Telón e Aparte, Alberto Sueiro, o Xefe Territorial de Cultura da Coruña, Manuel Varela e Belén Lendoiro, Concelleira de Cultura.

A entrega do Xograr de Outono marcou a penúltima fin de semana do FIOT '09, que estivo centrada na comedia con dúas apostas ben distintas. A incontinencia verbal arxentina de Los Modernos con 'Fo', e os medos histriónicos de 'Kvetch: o rosmón' da man de Teatro do Morcego. Dúas representacións pensadas para facer rir que esgotaron as entradas para o auditorio do Pazo da Cultura. O venres 30 o sábado 31 e o domingo 1 chegan os últimos pratos fortes con Teatro do Noroeste, Teatro Corsario e Pentación espectáculos, que pecharán o FIOT '09 con 'Glass city', 'El caballero de Olmedo' e 'Seis clases de baile en seis semanas'.

Compartir: