Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 550 persoas teñen participado...

O DOMINGO 1 DE NOVEMBRO É O ÚLTIMO PERCORRIDO

Un total de 550 persoas teñen participado nas rutas de sendeirismo do programa 'Pasiño a pasiño' no que vai do ano 2009

Xoves 29 de outubro do 2009

Esta última e oitava ruta completa os roteiros de 'Pasiño a pasiño' por todo o litoral do Concello de Camariñas, despois de que outros dous percorridos levaran aos participantes por Laxe e Camelle. Tamén hai que subliñar que o programa 'Pasiño a pasiño' desenvolveuse en dúas quendas de catro rutas. As primeiras catro antes do verán, cunha participación de preto de 400 persoas, e as segundas despois do período estival. O obxectivo de 'Pasiño a pasiño' é o de contribuír a incrementar a calidade de vida da poboación, fomentando hábitos saudables e estilos de vida activos, coa práctica de actividades como o sendeirismo e as camiñadas.

Esta actividade está incluída nas directrices do programa 'Móvete con Carballo!', que inclúe a oferta das actividades deportivas que ofrece o Concello, e que contempla a posibilidade de que os veciños e veciñas fagan deporte ao seu ritmo, coa posta en marcha de múltiples actividades, como a apertura dunha sala de fitness na piscina Carballo Calero ou saídas en bicicleta. Tamén conta cunha ampla oferta de horarios e prazas para actividades acuáticas. Todo isto sen esquecer a ximnasia de mantemento, o deporte para a terceira idade e as actividades puntuais que teñen lugar ao longo de todo o ano.

Como novidade, nesta última quenda de rutas, o Concello puxo a disposición dos cidadáns o blog de 'Pasiño a Pasiño'. Nel aínda se pode consultar información e datos sobre o programa, así como o calendario das rutas. Está dispoñible en: www.blogoteca.com/rutassaudables.

Compartir: