Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT '09 chega á súa fin coa...

VENRES 30, SÁBADO 31 E DOMINGO 1 NO PAZO DA CULTURA

O FIOT '09 chega á súa fin coa presenza do teatro galego, dun clásico de Lope de Vega e da coñecida actriz Lola Herrera

Venres 30 de outubro do 2009

O venres 30 é a quenda da compañía galega Teatro do Noroeste que presenta 'Glass City', unha obra de teatro musical na que se contrapoñen humor e tensión dramática e que conta cun amplo equipo artístico de catorce actores e músicos. Teatro do Noroeste vén avalada por unha traxectoria de máis de vinte anos da compañía Compostela, que xa estivera no festival co espectáculo 'Imperial: Café Cantante'. En setembro de 1958 as vacacións de Franco en Meirás, o concurso 'Trampolín de estrelas', a música moderna ou o plan para atentar contra o ditador xúntanse nunha obra que, sen pretender ser histórica, reflicte un retrato da Coruña da época. A entrada custa 5 euros e o espectáculo dura 120 minutos.

O sábado 31 continúa o FIOT coa compañía de Valladolid Teatro Corsario que regresa ao festival cunha montaxe do teatro clásico español 'El caballero de Olmedo'. Trátase dunha traxicomedia con elementos que seguen suscitando hoxe o entusiasmo dos espectadores: o amor, a morte e o destino ao que está sometido o noso heroe, Don Alonso. Teatro Corsario potencia a comicidade presente na obra, que está acompañada por música en directo, xunto cun amplo elenco de actores, de elementos do folclore e unha posta en escea brillante e rotunda. A entrada custa 8 euros e a duración do espectáculo é de 100 minutos.

Por último, o esperado peche chega o domingo 1 cunha obra para que se esgotaron as entradas case no momento de poñerse á venda: 'Seis clases de baile en seis semanas', de Pentación Espectáculos. Dúas personaxes illadas, antisociais e cheas de prexuízos atópanse a través do baile. Pouco a pouco, son capaces de esquecer as súas diferenzas e comezan a coñecerse e poder así aproveitar mellor a súa vida. Comedia conmovedora de diálogos áxiles e enxeñosos, cargada de humor, e dirixida por unha das directoras máis importantes na actualidade Tazmin Townsend e na que poderemos desfrutar dos recoñecidos actores Lola Herrera e Juanjo Artero. O prezo da entrada é de 12 euros e a duración de 110 minutos.

Compartir: