Inicio Carballo ao día Hemeroteca A XVIII edición do FIOT baixou o pano...

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO '09

A XVIII edición do FIOT baixou o pano nunha fin de semana de altísima calidade teatral e cheo de público

Luns 2 de novembro do 2009

Precisamente, a maioría de idade do FIOT péchase cun rotundo éxito de público, xa que o 'todo vendido' colgouse nas taquillas do Pazo da Cultura en moitas ocasións ao longo de todo un mes pensado por e para o teatro, no que tamén houbo grande afluencia na Rúa dos Contos e unha elevada participación no Certame de Teatro Lido 'Xosé Manuel Eirís'. Especialmente difícil estivo obter entradas para esta última fin de semana, na que o listón de calidade do festival elevouse aínda máis, nun crescendo que rematou coa xenial actuación da grande dama do teatro, Lola Herrera, a quen Juanjo Artero (especialmente lembrado pola súa participación en 'Verano azul') soubo dar a réplica, espertando a admiración do público.

Un total de 49 actores, 18 contacontos, 10 obras de sala no auditorio do Pazo da Cultura e 6 estreas, unha delas estrea en España, conformaron os eixos principais dun programa que tamén incluíu actividades paralelas pensadas para achegar máis ao público a creación teatral, como a continuidade de 'Café con....', o 'Conservatorio' de Quico Cadaval ou a xa consolidada 'Rúa dos Contos', un micro festival dentro da programación do FIOT. O teatro internacional reforzou a súa presenza, con propostas chegadas dende Chile, como 'Gulliver'; de Arxentina, con Los Modernos e 'Fo'; e de Portugal con 'A tempestade', precisamente a estrea en España. E o teatro chegado dende Madrid acadou grande protagonismo, xunto co galego. Agora o pano caeu definitivamente e a organización, conformada pola Asociación Cultural Telón e Aparte e a Concellaría de Cultura, xa está preparando a edición XIX do festival, o FIOT 2010.

Compartir: