Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo e o Eixo Atlántico...

APOSTA POLO FERROCARRIL COMO MEDIO DE TRANSPORTE

O Concello de Carballo e o Eixo Atlántico traballan conxuntamente para mellorar a mobilidade no municipio e na comarca

Xoves 5 de novembro do 2009

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular é unha estrutura que actúa como grupo de presión política e como sistema de planificación que está deseñando, en colaboración coas 34 cidades de Galicia e do Norte de Portugal que o compoñen, un plano que defina as liñas de desenvolvemento dunha estratexia de transporte común. O obxectivo, segundo Xoán Vázquez Mao, é definir o nivel de interrelación entre o transporte, o ocio, a economía e o hábitat para acadar unha planificación lóxica que derive "nunha comunicación interurbana rápida, eficiente e rendible". Dentro desta planificación, o ferrocarril, en todas as súas variantes (tren, metro, tranvía, etc.) perfílase como un dos medios de transporte fundamentais, e que, a medio prazo, podería ser a clave do sistema de comunicacións de Carballo e da Costa da Morte.

O Eixo propón un sistema de mobilidade baseado nas persoas, e non nos automóbiles, e nun transporte público ben artellado e de calidade. Así mesmo, Xoán Vázquez Mao avanza que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está colaborando na elaboración da estratexia de transportes do Eixo Atlántico. Está previsto que o propio Conselleiro, Agustín Hernández, asista o 10 de decembro en Ferrol ao debate previo e á aprobación definitiva deste documento, que a principios de 2010 pasará a ser oficialmente unha posición política do Eixo. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar que hai máis dun ano de traballo detrás desta estratexia, na que Carballo debe tomar posicións reforzando o seu papel "non só como periferia da Coruña, senón tamén como punto de referencia".

Compartir: