Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo estrea a Praza Eduardo Pondal, un novo...

A CONSELLEIRA DE TRABALLO E O ALCALDE CORTARON A CINTA INAUGURAL

Carballo estrea a Praza Eduardo Pondal, un novo espazo público de 2.100 metros cadrados

Venres 6 de novembro do 2009

A Conselleira quixo subliñar a importancia de emprender accións como a Escola Obradoiro, que permite a formación e incluso a incorporación ao mundo laboral de numerosos homes e mulleres, cun índice de inserción que rolda o 80 por cento. Beatriz Mato tamén resaltou que "queda moita lexislatura para seguir facendo cousas con Carballo". Pola súa banda, Evencio Ferrero, fixo fincapé na importancia de poñer en valor os espazos públicos do municipio e salientou o traballo dos rapaces e rapazas da Escola Obradoiro, que, ademais deste espazo, xa teñen construído a Praza do Outeiro (fronte aos novos xulgados) e que aínda seguen a traballar no recinto da Casa dos Oficios do Proxecto Fórum.

Beatriz Mato manifestou ter quedado impresionada pola "calidade dos acabados", nos que se teñen empregado materiais como granito, gres ou madeira laminada. A Concelleira de Formación, María Manso, subliñou, pola súa banda, o feito de que todo o mobiliario urbano, dende as bancadas até as xardiñeiras, teñan sido realizadas polos rapaces e rapazas da Escola Obradoiro no Centro de Formación. Para rematar o acto de inauguración, o Alcalde desexou que esta nova Praza poida servir para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas. Posteriormente, a comitiva trasladouse ata o recinto do Proxecto Fórum, no barrio da Milagrosa, para que a Conselleira de Traballo puidese observar os progresos das obras.

Compartir: