Inicio Carballo ao día Hemeroteca Dez concertos e un total de 23 agrupacións...

MÚSICA DE TODOS OS ESTILOS PARA TODOS OS PÚBLICOS

Dez concertos e un total de 23 agrupacións conforman o programa do 'Novembro con música '09'

Luns 9 de novembro do 2009

"Carballo ten unha diversidade musical interesante", explica Ferrero, polo que o Concello "brinda os diferentes escenarios para que esta música teña difusión e os veciños e veciñas poidan coñecela". Precisamente nesta liña cada ano a Concellaría de Cultura asina un convenio de colaboración -este ano por un importe de 21.620 euros- para subvencionar as actuacións dos grupos carballeses no municipio. Para reforzar a difusión da música local, ese ano está previsto editar un díptico informativo no que se fala das distintas actividades das agrupacións "que difunden o patrimonio inmaterial do baile e música tradicionais", segundo Lendoiro. Estas agrupacións teñen precisamente o seu espazo no concerto do sábado 21 de novembro, 'Sons de aquí'.

Pero o programa arrinca o 13 de novembro cun concerto de 'Músicas do mundo' do Omar Percussión Group. Máis de 80 instrumentos para percorrer as músicas de distintas culturas. Ese mesmo día, en clave de rock, chega a segunda edición do 'Live in Cances', coa presenza dos locais The Cerne, Killer Cats e Versión imposible. No apartado de música coral, está o Festival do 14 de novembro, e o tradicional Concerto de Santa Cecilia coa presenza da Coral Polifónica de Bergantiños, da Coral Polifónica de Padrón e da Coral Xan Mella de Baio o 28 de novembro.

Para o público familiar están os concertos 'En familia', o 15 de novembro e o 29 de novembro: títeres e contacontos musicais con Artestudio Teatro e Magis Tales Sounds. Tamén hai espazo para a poesía, cun Recital músico poético a cargo de Paco Souto e Serxio Moreira, que se complementa coa inauguración da exposición 'Lugares de incendios' o 20 de novembro. E lugar para a didáctica, cun concerto para o alumnado de 6º de Primaria cos Trapechos. Como é habitual, o peche do programa corre a cargo do Concerto da Banda Municipal de Carballo, neste caso o sábado 5 de decembro. Belén Lendoiro convidou "a todo o mundo a que se achegue ao Pazo da Cultura a desfrutar do programa".

Compartir: