Inicio Carballo ao día Hemeroteca As actividades do segundo Feirón de Outono...

DO 28 DE NOVEMBRO AO 6 DE DECEMBRO

As actividades do segundo Feirón de Outono inclúen a celebración dun Mercado de Artesanía con postos chegados de toda España

Mércores 11 de novembro do 2009

O horario dos postos que participan neste I Mercado de Artesanía é de 11.00 a 15.00 horas pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde. Pero o Feirón de Outono tamén conta con actividades específicas para o quinto domingo de novembro, o día 29. E para reforzar o mercado de artesanía, está previsto que, na carpa que o Concello instala habitualmente nos feiróns, haxa cabida para que os artesáns locais tamén dean a coñecer os seus produtos. O horario previsto é de 9:30 a 14:30 horas e haberá representados distintos sectores tradicionais da zona como o coiro, os zocos, a olería de Buño, etc.

Por último, o Feirón de Outono tamén acolle o 29 de novembro a celebración do II Concurso de Produtos do Agro, co obxecto de promocionar os produtos de tempada e apostar polo seu consumo e pola sua produción e elaboración tradicional. Poderán participar no concurso os agricultores e produtores locais sen límite de idade, aínda que os produtos presentados deberán ser elaborados ou producidos no termo municipal de Carballo. O prazo de inscrición é até as 14.00 horas do 28 de novembro na Oficina de Información Turística do Museo de Bergantiños. As categorías son 'Premio ao produto máis chamativo', 'Á mellor cesta de productos hortofrutícolas' e 'Á mellor cesta de produtos elaborados'. Repartiranse un total de 300 euros e os produtos participantes estarán expostos na carpa do Concello durante a mañá do Feirón até as 14.00 horas, cando será o fallo do xurado.

Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova a ficha de inscrición en pdf.

Compartir: