Inicio Carballo ao día Hemeroteca Percusión, rock, música coral e...

VENRES 13, SÁBADO 14 E DOMINGO 15 DE NOVEMBRO

Percusión, rock, música coral e contacontos: protagonistas do Novembro con música para a fin de semana

Xoves 12 de novembro do 2009

Omar Percussion Group (OPG) inaugura o programa. Fundada no ano 2004, esta agrupación tense desenvolvido arredor da percusión contemporánea, con especial interese pola música étnica e multicultural. OPG contan cun programa de actividades estable dende a súa creación, con espectáculos permanentes na vila de Muros, en inverno e verán; ou con colaboracións co Concello de Pontevedra. Integran o grupo Jorge César Pérez, Cristian Rodríguez e Pablo Cabanelas. No seu último traballo, 'Percussion Cercle', realizan unha viaxe a través das culturas con obras de moi diversos estilos, con máis de 80 instrumentos. Desta volta chegan a Carballo da man da Deputación da Coruña, o venres 13 ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A entrada é de balde.

O mesmo venres chega a quinta edición do festival 'Live in Cances', dentro das festas de San Martiño da parroquia. Estarán The Cerne, os Killer Cats e Versión imposible, grupos locais que ofrecerán dende versións de éxitos de rock dos 70, ata temas rockabilly ou cancións de propia colleita en clave de rock. A cita é no Local Social de Cances a partires das 22.00 horas. A entrada é de balde. Noutro estilo completamente diferente, o sábado 14 chega o tradicional Festival de Corais, que conta coa presenza da Coral Polifónica de Bergantiños, a Agrupación Polifónica de Carballo e o Coro Aires de Bergantiños. A partir das 21.00 horas, tamén de balde e no Pazo da Cultura. E un espectáculo familiar para os máis cativos e cativas é o encargado de pechar a primeira fin de semana do Novembro con música. Artestudio Teatro ofrecen 'A haima de Agmed', un contacontos musical que ten lugar o domingo 15 ás 18.00 horas no Pazo da Cultura.

Compartir: