Inicio Carballo ao día Hemeroteca Portos de Galicia adxudica de forma definitiva o...

O INVESTIMENTO PREVISTO É DE 370.000 EUROS

Portos de Galicia adxudica de forma definitiva o proxecto dos departamentos para usuarios do peirao de Razo

Xoves 19 de novembro do 2009

A actuación inclúe a construción de 20 casetas que ocuparán máis de 250 metros cadrados no borde marítimo da explanada do peirao de Razo. Está previsto que sexan un conxunto de edificios conectados entre sí por unha pasarela na faciana oeste. A altura máxima permitida para a construción é de 6,25 metros, estará dividida en planta baixa e primeiro andar e a cuberta será a unha auga. A actuación está incluída dentro do plan de Portos de Galicia deseñado en 2007 para mellorar a operatividade do porto. O obxectivo destes traballos e substituír as construcións actuais, nun avanzado estado de deterioro, por outras máis modernas e funcionais, cunha mellor integración no entorno natural.

Os departamentos para usuarios estarán organizados nunha secuencia quebrada de edificios, de norte a sur, coa súa faciana principal orientada cara ao mar. Esta disposición foi incluída para minimizar o impacto visual, proxectándose os edificios en varios volumes pequenos en vez de nun único edificio. No primeiro bloque está prevista a construción dun departamento especial, con unha sala de vixilancia, vestiarios, almacén, enfermería e outros elementos para o servizo de Protección Civil. Tamén haberá un punto de recollida de residuos e un aseo público. A este bloque engadiranse outros dous coas vinte casetas situadas no primeiro andar, con acceso pola pasarela exterior. Na planta baixa haberá 23 taquillas.

Compartir: