Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello conmemora o 25 de novembro, Día...

CONCELLARÍA DE BENESTAR

O Concello conmemora o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Mércores 25 de novembro do 2009

A mostra 'Evolución das mulleres galegas no ámbito laboral' está elaborada con fotos de Xosé Abad e conta cun documento audiovisual realizado por Sandra Rey. Poderá visitarse na sala da baixocuberta do Pazo da Cultura até o 15 de decembro en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas de luns a venres. Os sábados o horario de visita será de 11.00 a 14.00 horas e tamén será posible organizar visitas guiadas para grupos. Os interesados e interesadas tamén poden ler a continuación o texto íntegro da Declaración institucional do Concello de Carballo con motivo do 25 de novembro:

"O 25 de novembro foi declarado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas como o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co obxectivo de implicar aos gobernos e ao conxunto de organizacións de carácter social na sensibilización a respecto do grave problema que constitúe a violencia de xénero.

É pois, unha data para propiciar a reflexión e o compromiso de toda a sociedade galega porque a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres, sendo esa violencia a manifestación máis clara da desigualdade e un indicador de que aínda queda traballo para erradicar a discriminación na sociedade actual.
Nos últimos anos téñense dado pasos relevantes a nivel legal, superando unha visión que reducía o problema ao ámbito privado e asumindo que a loita contra a violencia de xénero é un problema de primeira orde e que na súa erradicación debemos implicarnos o conxunto de poderes públicos e a sociedade.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero son pasos necesarios para loitar contra esta lacra. Por iso queremos expresar hoxe, o apoio desta corporación municipal a iniciativas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

As cifras de denuncias e mulleres asasinadas que se repiten ano tras ano, mesmo poñen de manifesto dun xeito brutal, que non podemos baixar a garda, e que se fai imprescindíbel a implicación de todas as institucións, asociacións e persoas na súa erradicación. A proximidade aumenta a sensibilidade e este verán na nosa comarca tamén lamentamos unha nova víctima, este feito ten que reforzar o compromiso que desde o concello de Carballo vimos formalizando nos últimos anos como declaracións institucionais co obxectivo de incrementar a conciencia social e combater a violencia contra as mulleres.

Por todo isto, a corporación municipal reitera o seu firme compromiso de:

  • Continuar a traballar na prevención da violencia contra as mulleres.
  • Promover actuacións que conduzan ao fornecemento da independencia económica, política e social das mulleres.
  • Colaborar con outras institucións nas políticas destinadas a prestar atención ás vítimas, garantir a súa seguridade e apoiar a súa recuperación."

Compartir: