Inicio Carballo ao día Hemeroteca A construción das glorietas de acceso,...

O DELEGADO TERRITORIAL, DIEGO CALVO, VISITOU AS OBRAS

A construción das glorietas de acceso, último paso para rematar a primeira ampliación do polígono de Bértoa

Xoves 26 de novembro do 2009

Nestes momentos xa está feita a urbanización coa dotación dos servizos, está pintado o sistema viario, as instalacións están sinalizadas e está colocado o alumeado. Ademais da actual glorieta de acceso ao parque empresarial, que comunica os viais do polígono xa en marcha coa autopista AG-55 e coa comarcal AC-552, está prevista a construción de dúas máis. Así, as rúas da primeira fase de ampliación contarán cunha rotonda no vial central, que podería comunicar no futuro con novas fases de ampliación. Así mesmo, está en marcha a construción doutra glorieta na AC-552, á altura do actual vial de acceso ao polígono, que comunicará as instalacións coa futura circunvalación de Carballo. A glorieta contará cun diámetro superior aos 30 metros e implica tamén a mellora do vial de acceso dende a AC-552 ata o polígono.

A ampliación do parque empresarial de Carballo supón a creación de 1.272.489 novos metros cadrados para a infraestrutura e divídese nunha primeira etapa de preto de 740.000 metros cadrados que está sendo executada e a punto de ser rematada por unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por CRC Obras y Servicios e Lubasa. A segunda fase está nestes momentos en trámites, e a adquisición dos terreos marcha a moi bo ritmo. Implica a creación doutros 540.000 metros cadrados. Ao remate da totalidade do proceso de ampliación, o parque empresarial de Bértoa contará cunha superficie de preto de dous millóns de metros cadrados.

Compartir: