Inicio Carballo ao día Hemeroteca A danza marca o principio do Nadal...

DO 28 AO 30 DE DECEMBRO NO PAZO DA CULTURA

A danza marca o principio do Nadal Pequespectacular con 'Princesas olvidadas o desconocidas'

Luns 28 de decembro do 2009

'Princesas olvidadas o desconocidas' (na imaxe) conta a historia de catro amigas, catro mulleres, catro veciñas, que noutro tempo tamén foron catro nenas. Despois da infancia, cada unha tomou un camiño diferente na vida, pero ningunha esqueceu as princesas que soñaron ser ou que quixeron ser, que agora están soterradas pero que van compartir grazas a un libro máxico. Al Suroeste Teatro é a compañía responsable de esta historia en clave de danza. Naceu en 1992, en máis de 30 producións a teñen consolidado como unha das compañías máis consolidadas en Extremadura, a súa terra, pero agora tamén en toda España. Este espectáculo conta coa colaboración da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

O martes chega a quenda de Artestudio Teatro con 'A volta ao mundo en menos dunha hora'. Neste caso trátase dunha aposta polo teatro musical nun concerto animado e divertido, no que os nenos e nenas e os que non o son tanto pasarán un momento marabilloso mergullándose nun mundo de música e aventuras. Así, a obra conta a historia de Agmed, un habitante de Bagdad que ten un posto no Zoco. É o vendedor máis famoso, pero non vende, senón que lle entrega aos viaxeiros víveres para as súas rutas a cambio de historias, obxectos e cancións que os camiñantes transportan desde os seus lugares de orixe. Ademais, entre Agmed, os seus amigos e o público asistente tentarán unha proeza ao alcance de moi poucos: dar a volta ao mundo nunha hora!. O espectáculo conta coa colaboración da Agadic.

O mércores chega o peche do Nadal Pequespectacular co teatro de Berrobambán e a súa 'Bicharada'. A compañía intenta facer un teatro vivo co obxectivo de conectar co público. Cada espectáculo resulta unha nova aventura, que neste caso conta a historia dunha araña e unha formiga que viven tranquilas na paz do seu recuncho. Até que un día aparece un animal misterioso: un escaravello. Dende a primeira luz o público entra no mundo de 'Bicharada', descubrindo e gozando da escenografía, o vestiario ou a iluminación. Todo vai encamiñado a entrar e sentir esta historia tan máxica como simple, tan sincera como divertida, tan imaxinaria como real. Ao remate da obra, que, coma todas, ten lugar no Pazo da Cultura, haberá unha Chocolatada na Ludoteca Municipal. A partires das 19.30 horas.

Compartir: