Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Reis Magos de Oriente percorren Carballo e...

CABALGATA 2010: MARTES 5 PARTIRES DAS 18.00 HORAS

Os Reis Magos de Oriente percorren Carballo e reciben as peticións dos nenos e nenas na Praza do Concello

Luns 4 de xaneiro do 2010

As súas Maxestades chegarán en coches ao Centro Comercial Bergantiños, escoltados pola Policía Local e Protección Civil, saudando aos cativos e cativas antes de subir ás carrozas. De aí, pasarán pola estrada de Malpica, a rúa Luis Calvo, a Barcelona, a rúa Fomento, a río Anllóns, a Praza da Milagrosa, a rúa Compostela, A Brea, a rúa Verdillo, a rúa do Sol, a Gran Vía, a Vázquez de Parga, a Praza de Galicia, a rúa Coruña e, por último, a Praza do Concello. Durante a espera dos Reis Magos, os nenos e nenas que o desexen poderán desfrutar de animación de rúa na Praza do Concello a partires das 18.30 horas, con actividades de globoflexia, xogos de animación e maquillaxe, ata a chegada da Cabalgata.

Tamén está previsto que o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, reciba aos Reis Magos na carpa da Praza do Concello en nome de todos os cidadáns da vila. A continuación, os nenos e nenas poderán entregarlle a Melchor, Gaspar e Baltasar as súas cartas en man, e faranlle as peticións que desexen. O Concello de Carballo agradece a colaboración da Policía Local, de Protección Civil, da Bridaga de Obras, do CCB, de Gonzacar e Bimbo Martínez Comercial, SLU.

Así mesmo, os Reis tamén poderán estar presentes nas parroquias do municipio: Berdillo, Baldaio, Sísamo, Oza, Entrecruces e Bértoa, o día 5; e Sofán, Razo e Cances, o día 6. A organización tamén informa de que as cabalgatas que terán lugar nas parroquias están organizadas polas asociacións de cada unha delas e seguirán os itinerarios de anos anteriores. Todas estas actividades están incluídas dentro do programa do Nadal Cultural 2009.

Compartir: