Inicio Carballo ao día Hemeroteca A neve e o xeo fan perigoso o tránsito por...

O CONCELLO PIDE AOS CIDADÁNS QUE EXTREMEN AS PRECAUCIÓNS

A neve e o xeo fan perigoso o tránsito por varias vías do municipio: especialmente nas parroquias de Rus, Entrecruces e Sofán

Venres 8 de xaneiro do 2010

En canto ao estado das vías municipais secundarias, nas parroquias e lugares máis altos do Concello a situación fíxose complicada, sendo en moitos casos as vías intransitables en Rus, Entrecruces ou Anxeriz, así como en Sofán ou Aldemunde. A primeira hora do venres tamén houbo varias saídas de vía na estrada AC-552 entre Carballo e A Coruña, en Bértoa, á altura da Galleguiña, aínda que sen consecuencias graves. A pesares de que a situación meteorolóxica mellora de cara á fin de semana, o servizo de Protección Civil e o Concello rogan aos conductores que extremen as precaucións durante os próximos días e alomenos até o luns 11, xa que, aínda que non se esperan novas nevadas, está previsto que as baixas temperaturas permitan que o xeo permaneza nas vías, facendo a circulación moi perigosa nas estradas e parroquias xa mencionadas.

Por outra banda, o Concello informa de que a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, Rexer, non puido realizar a ruta habitual o venres 8, tendo que aprazar a recollida en parroquias como Sofán, Rus e Entrecruces debido ás placas de xeo e á neve. Os operarios da empresa esperan que ao longo da tarde do venres ou da mañá do sábado poida retomarse o servizo con normalidade. Por outra banda, os vehículos de Rexer tampouco puideron desprazarse ao complexo de Sogama, en Cerceda, para deixar os residuos, precisamente polo corte de tráfico na estrada. Poren, esperan poder facelo canto antes. O Concello de Carballo pide desculpas aos veciños e veciñas polas posibles molestias ocasionadas por este fenómeno meteorolóxico adverso, e recomendan precaución durante toda a fin de semana.

Compartir: