Inicio Carballo ao día Hemeroteca O humorista carballés Rober Bodegas abre o...

SÁBADO 23: ANIVERSARIO DO CORO AIRES DE BERGANTIÑOS

O humorista carballés Rober Bodegas abre o 22 de xaneiro os Venres Culturais 2010

Mércores 20 de xaneiro do 2010

No seu monólogo, Rober Bodegas tratará de dar resposta a cuestións como 'Cada canto hai que separar a boca nun morreo? Ligaríaa de ter sido meu o BMW? Por cada cantos nenos corresponde un columpio nos parques infantís?'. Desde que gañou o Certame de dramatización de monólogos cómicos do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Rober Bodegas non ten deixado de medrar como humorista. Gañou o concurso 'El rey de la comedia' e na actualidade, ademais de ser imaxe dunha popular cervexa galega, é colaborador e guionista no magazine de La Sexta 'Sé lo que hicisteis...'. Ten estudado comedia con artistas como Leo Bassi, Jango Edwards ou Álex Navarro, entre outros, e ten compartido escenario con monologuistas como Luis Piedrahita, Javier Veiga ou Quequé.

A música completa a oferta cultural da fin de semana, neste caso coa celebración do XXIV Aniversario do Coro Aires de Bergantiños. O Pazo da Cultura acolle o sábado 23 ás 21.00 horas a celebración da fundación desta agrupación musical co xa acostumado concerto conmemorativo. Nel ofrecerán unha recompilación de cancións tradicionais de Galicia, acompañadas da música de pandeireta, gaita, tamboril e bombo. O Coro Aires de Bergantiños foi creado en 1985, entre outros, por Carlos O Xestal. Na actualidade, intégrano unha trintena de compoñentes, moitos deles dende o seu nacemento, e está dirixido por Xulia Cabanelas. A entrada para esta actividade é libre.

No caso do espectáculo de Rober Bodegas, xa se teñen vendido todas as entradas.

Compartir: