Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fondo Estatal para 2010 inclúe a...

O PLENO ABORDA A APROBACIÓN DO ORZAMENTO DE 2010

O Fondo Estatal para 2010 inclúe a realización de 20 proxectos e a creación de 112 postos de traballo

Venres 22 de xaneiro do 2010

O Alcalde, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, manifestaron a vontade da Administración local de seguir desenvolvendo a rede de saneamentos, unhas actuacións menos "visibles", afirman, pero moi necesarias. Neste caso, un dos proxectos máis importantes é a acometida do colector xeral de Entrecruces, para dar servizo á depuradora de Ardaña, con 381.183,96 euros. Tamén se mellorarán servizos xa en marcha, como en Sísamo ou A Brea, onde se substituirá o actual sistema de depuración. No que respecta á mellora da eficiencia enerxética, centrarase moito na mellora da rede de alumeado público, tanto en rúas do casco urbano como en parroquias como Bértoa, Cances, Goiáns, Lema, Noicela, Oza, Razo, Rebordelos, Sísamo, Verdillo, Vilela, Artes, Rus, Entrecruces, Aldemunde ou Sofán. O importe total é de 843.043,18 euros.

Así mesmo, o Alcalde tamén subliñou a vontade de seguir investindo na mellora das instalacións deportivas. Así, está previsto substituír o sistema de depuración das piscinas municipais, baseado no cloro e nos produtos químicos, por equipos de depuración ultravioleta para favorecer o aforro enerxético e a protección medioambiental. O importe é de 72.261,62 euros. No apartado de educación, ademais da creación do pavillón no CEIP Nétoma-Razo, proxéctase o cerramento do pavillón do CEIP A Gándara-Sofán por 39.819, 78 euros; ou a realización de melloras eléctricas en colexios públicos do Concello, por 62.671,63 euros.

Ademais do Fondo Estatal, outro dos asuntos fundamentais incluídos na orde do día é o debate sobre os orzamentos do Concello para 2010, que ascenden a 30,4 millóns de euros (incluído os 884.000 euros do orzamento do Padroado Deportivo Municipal) e que supoñen 5,5 millóns de euros en investimentos. Para obter información máis detallada sobre os orzamentos, premer aquí. A corporación tamén abordará unha modificación no traslado provisional dos postos do mercado municipal de abastos. Neste caso, tense en conta unha alegación presentada por un establecemento que abre domingos e festivos, e que solicita permanecer nos postos exteriores o maior tempo posible durante as obras. Por último, o pleno inclúe a incorporación dalgunhas modificacións na Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello; a aprobación do Plan de Emprego; un informe sobre expedientes de xeración de crédito do cuarto trimestre de 2009; e unha moción do PP sobre unha homenaxe ao corpo de bombeiros voluntarios, que cumpre 30 anos.

Compartir: