Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle o 31 de xaneiro a...

NO POLÍGONO DE BÉRTOA A PARTIRES DAS 11.00 HORAS

Carballo acolle o 31 de xaneiro a celebración do Campionato Galego Absoluto de Campo a través

Martes 26 de xaneiro do 2010

O Alcalde, Evencio Ferrero, informou de que se trata "da proba máis importante de inverno da Federación Galega de Atletismo" e que "é unha honra poder ser sede deste evento". A proba comeza ás 11.00 horas en categoría júnior, con distancias de 4.970 metros para mulleres e 6.770 para homes. A partires das 12.15 desenvolveranse as carreiras das categorías promesa e sénior. Os participantes percorrerán 11.070 metros no caso dos homes e 7.170 o caso das femias. A Federación subliña que o circuíto de Bértoa ten unhas características idóneas, sendo plano, longo e de herba, o que permite que se acaden velocidades elevadas para contribuír á espectacularidade da proba. Así mesmo, resalta que dende calquera punto do circuíto poden observarse todos os corredores.

O atleta internacional Pedro Nimo, que ten sido catro veces consecutivas campión galego, anunciou a presenza de atletas internacionais en todas as categorías e considera que, en categoría absoluta masculina, a proba vai estar moi aberta e competida, o que engade atractivo á carreira. Tanto o Presidente da Federación como o Alcalde de Carballo manifestaron a súa vontade de seguir colaborando no futuro e de que "esta sexa a primeira pedra do que esperamos que sexa un longo camiño", segundo Ferrero. Isidoro Hornillo, pola súa banda, salientou as excelentes características de Carballo para celebrar a proba, non só pola calidade do circuíto, senón pola situación "estratéxica" da vila. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, expresou que o seu departamento seguirá dando pasos "pouco a pouco" para fomentar a práctica do atletismo no municipio.

Compartir: