Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa dos Venres Culturais continúa...

A BANDA DO CONSERVATORIO DA CORUÑA E TALÍA TEATRO

O programa dos Venres Culturais continúa con música clásica e con teatro infantil

Xoves 28 de xaneiro do 2010

Con máis de 50 anos de historia e baixo da dirección do sarrián Abraham Cupeiro -mestre especialista en trompeta, luthier e director da formación- a Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña, con sede no Real Conservatorio de Música da Coruña, nace como asignatura para dar cabida a unha formación máis integral do músico e agora como asignatura da LOE. O repertorio que interpretarán o venres divídese en dúas partes. A primeira está dedicada á música norteamericana, con temas con influencias de distintas tradicións musicais: dos colonos de ascendencia europea, dos vaqueiros do oeste, das tribus indias, dos afroamericanos principalmente, pero tamén con aires de jazz. A segunda parte do repertorio céntrase na música Española, coa presenza da obra 'Capricho español' composta en 1887 polo autor ruso Nikolai Rimsky-Korsakov.

Talía Teatro inaugura o domingo 31 a programación 'En familia' con 'Valentino Rufini e Âkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)'. A historia fala de Valentino, un cabaleiro e poeta fracasado. De regreso á súa cidade refúxase nunha casa ás aforas de Venecia. Alí atópase con Âkil, abandonado pola súa ama, coa que tamén viaxaba a Milán. Esta farsa que respira da 'commedia dell'arte' está ambientada na Italia do século XVIII, e trata de reflexionar sobre a direnza cultural e a necesidade de comprender que todos somos iguais. As entradas poden reservarse no 981 704 300 e a taquilla tamén estará aberta o mesmo día da función a partires das 16.00 horas.

A fin de semana complétase o sábado 30 coa colaboración da Agrupación Cultural Lumieira. Así, renden homenaxe ao contista Carlos O Xestal, baixo o epígrafe 'O folclore con dignidade'. A cita, incluída tamén no programa dos Venres Culturais, é a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura. A entrada é de balde.

Compartir: