Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello favorece a integración das...

ENTREGA DE DIPLOMAS

O Concello favorece a integración das mulleres inmigrantes coa celebración de cursos formativos

Martes 2 de febreiro do 2010

O profesor responsable do curso explica que o cursiño se centrou na aprendizaxe de todo tipo de actividades relacionadas cos labores que se levan a cabo en bares ou restaurantes, incluíndo pequenos detalles, como a maneira correcta de servir ou o xeito de aprender a levar tres pratos nun mesmo brazo. Este segundo curso completa a formación desenvolvida nun primeiro, centrado exclusivamente en Pinchos e Tapas, que se orientou máis en concreto na actividade desenvolvida na cociña. Nesta ocasión, participaron mulleres con países de orixe como Nixeria, Perú, Uruguai, Romanía ou Marrocos. Con estes cursiños, o Concello espera contribuír á formación e profesionalización do sector hostaleiro, así como á integración do colectivo inmigrante.

O Alcalde, Evencio Ferrero, desexou que actividades como a que rematou onte e outras que se desenvolvan no futuro poidan permitir a inserción laboral das alumnas e que permita que este colectivo se sinta "coma na casa" e que poidan acadar un emprego que lles facilite "vivir con dignidade". A Concelleira de Emigración, Belén Lendoiro, manifestou a vontade de continuar con actividades deste tipo no futuro, centradas tamén no sector servizos, pero tratando de atender outras necesidades destes colectivos, como co desenvolvemento de cursiños de informática. Tamén explicou a importancia do labor dos traballadores dos Servizos Sociais do Concello para difundir e informar sobre a celebración destes cursiños, que, neste caso, supuxeron 140 horas de formación e 22 persoas con cadanseu diploma.

Compartir: