Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aberto o prazo para anotarse no Concurso de...

INSCRICIÓNS PARA O ENTERRO DA SARDIÑA

Aberto o prazo para anotarse no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Antroido

Mércores 3 de febreiro do 2010

O Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas é unha das citas máis tradicionais do Antroido carballés. Os participantes percorren as rúas Coruña, Desiderio Varela, Gran Vía, Rosalía de Castro, Valle Inclán e Colón, rematando na Praza do Concello. Se as condicións meteorolóxicas non permitisen a celebración do desfile, a organización ten previsto a súa suspensión ou mesmo trasladalo ao Pavillón Polideportivo Bergantiños. Segundo a organización, enténdese como comparsa un grupo mínimo de 8 compoñentes, disfrazados dun mesmo tema e considerarase carroza unha comparsa con vehículo de tamaño significativo cunha decoración especial acorde coa denominación do grupo. Co obxectivo de fomentar a participación, o Concello concederá unha subvención de 150 euros ás comparsas de categoría infantil e adultos e de 250 euros a cada unha das carrozas.

O Enterro da Sardiña é unha tradición que a Concellaría de Cultura rescatou hai uns anos e que consiste na despedida do Antroido até o ano seguinte. Os participantes percorren a Praza do Concello, as rúas Coruña e Hórreo, a Praza de Galicia, a rúa Fomento e o Parque do Anllóns, lugar onde se oficia o enterro. De novo, para fomentar a participación, o Concello establece 10 subvencións de 40 euros cada unha, á que poderán concorrer todos aqueles grupos de nenos e nenas e adultos compostos por un mínimo de 4 persoas ataviadas coas roupas e obxectos propios dunha 'comitiva fúnebre' para acompañar o enterro da sardiña. Todas as inscricións para calquera das dúas actividades, excepto aquelas que se formalicen 'in situ', deberán realizarse nas oficinas situadas no Pazo da Cultura. Os interesados e interesadas poden obter máis información no teléfono 981 704 300.

As bases para cada un dos concursos poden descargarse en pdf nesta mesma nova.

Compartir: