Inicio Carballo ao día Hemeroteca Principian os traballos de urbanización do...

MELLORA DAS RÚAS CHILE, BOS AIRES E PONTEVEDRA

Principian os traballos de urbanización do polígono 27 da capital municipal, situado no entorno da Rúa Perú

Venres 5 de febreiro do 2010

Tamén está prevista a cesión de tres solares edificables que suman 321 metros cadrados. O proxecto de urbanización, que se desenvolve entre os propietarios dos terreos e a Administración Local, foi aprobado en novembro de 2009 e o Concello é o encargado de contratar as obras e de asumir os gastos para acondicionar o tramo sen urbanizar da rúa Perú, porque así está estipulado no PXOM. O importe previsto nese caso é de 130.000 euros, mentres que o prazo de execución é de nove meses. Segundo recolle o Plan Xeral, o aproveitamento é de 2,1026 metros cadrados edificables de chan residencial intensivo e vivenda colectiva en mazá por cada metro de solo. A edificación prevista é de baixo e catro plantas e o PXOM tamén recolle que a pranta baixa será de uso comercial e os primeiros andares serán dedicados a outro uso distinto do residencial. Como máximo, poderán dedicarse a uso residencial 0,825 metros cadrados por metro.

Os traballos do polígono 27 veñen a completar os realizados para urbanizar o polígono 26, situado ao seu carón tamén na rúa Perú e na zona de Rego da Balsa. Estas obras desenvolvéronse durante o ano 2009 e foron realizados pola UTE (Unión Temporal de Empresas) formada polas firmas Elsan-Pacsa e Irena, cun orzamento de 742.000 euros. No ámbito deste extenso polígono urbano, situado en pleno centro carballés, inclúense 9.300 metros cadrados destinados a zonas verdes. Neste espazo o goberno local está edificando un parque con cargo ao FEIL 2009 (Fondo Estatal de Investimento Local). Tamén espera construír dous campos de chave semicubertos grazas a un convenio asinado coa Xunta por un importe de 57.000 euros. O espazo tamén reserva 962 metros cadrados para equipamentos. A superficie do polígono 26 distribúese, así mesmo, en 21 parcelas edificables xa asignadas aos propietarios. Os bloques de vivendas terán baixo e catro plantas.

Compartir: