Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado na Deputación o convenio que...

ESTARÁ SITUADA NUNHA PARCELA DE 2.500 METROS NA ESTRADA DE RAZO

Asinado na Deputación o convenio que permitirá a construción dunha segunda escola infantil para Carballo

Mércores 28 de xullo do 2010

A futura escola infantil terá dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Cada unha das aulas contará co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior, onde se construirá unha aula ao aire libre. Tamén está previsto que o edificio dispoña de dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que haberá unha zona separada para berces. A edificación terá o seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. Nunha recente visita a Carballo, o Vicepresidente provincial, Pablo Villamar, afirmou que "a crise non é unha escusa para que Carballo non conte con esta nova escola infantil" e reiterou o seu compromiso cos traballos. Así mesmo, o deputado Xoán Sande subliñou a vontade da Deputación de colaborar co proxecto para cubrir "unha necesidade perentoria do Concello de Carballo, que conta cuns 300 nacementos ao ano".

Hai que lembrar que o Concello carballés está pendente da colaboración da Xunta na construción da segunda escola infantil para Carballo. Así, este ano o Consorcio Galego de Igualdade e Benesar manifestou a súa imposibilidade de asumir o financiamento que tiña comprometido para o proxecto a través dun convenio asinado xa en novembro de 2008. Segundo ese acordo, a Xunta tería que ter asumido o 80 por cento do custo do proxecto -obra do arquitecto José Villacé e cun importe de 834.000 euros- mentres que o Concello achegaría o 20% restante, un total de 170.000 euros. Grazas á achega da Deputación, será posible sacar adiante o proxecto este ano, pero o Concello debería achegar 300.000 euros, en lugar dos 170.000 iniciais, para asumir o importe completo da actuación. Xa que a Xunta manifesta que non pode asumir o financiamento do 80 por cen estipulado no convenio, o Concello ten solicitado que alomenos achegue a diferencia entre os 170.000 e os 300.000 euros que deben asumir as arcas municipais.

Compartir: