Inicio Carballo ao día Hemeroteca Berrogüetto presenta o seu quinto traballo,...

VENRES 30 DE XULLO ÁS 22.30 HORAS

Berrogüetto presenta o seu quinto traballo, 'Kosmogonías', nun concerto na Praza do Concello

Xoves 29 de xullo do 2010

En 'Kosmogonías', Berrogüetto lévanos ao momento de partida por excelencia, ao Big-Bang, ao triunfo da materia sobre a anti materia, ao berro inicial do universo que coa súa radiación chega ata nós. É unha reflexión entre a humanidade e o universo, unha chamada chea de optimismo cara a consecución dun sistema de organización máis xusto. Berrogüetto párase e destaca todas aquelas vontades colectivas ou individuais que cos seus xestos e actitudes traballan para mellorar a súa contorna. Composto por once cancións, Kosmogonías mantén o estilo tan persoal e definido por Berrogüetto desde os seus comezos. Innovadores desde o primeiro traballo, este quinto disco supón unha colección de sons orgánicos, un traballo delicado onde se plasma a alma do grupo a través da súa especial concepción musical. En Kosmogonías achamos dúas novidades importantes: a aposta de Berrogüetto por unha voz solista masculina, feito pouco común entre os grupos galegos; e intégrase tamén a nickelharpa, un instrumento de corda, orixinario do folclore sueco e similar en aspecto a unha zanfona.

No seu directo, o grupo transcende máis alá do son e crea unha experiencia na que se une a música, a danza e a imaxe. Precisamente despois dun dos seus concertos Manuel Rivas envioulle o poema "Alalá" ('A desaparición da neve', 2009) en agradecemento por aquela actuación. Desta mostra de afecto naceu a colaboración e agora o poema aparece musicado como "Alalá da noite" en Kosmogonías. Berrogüetto ten percorrido países como: Galiza, España, Portugal, Alemaña, Francia, Reino Unido, en sucesivas xiras e foron recibidos cos brazos abertos en todos os escenarios nos que se presentaron. Desde o comezo a banda coida a estética conferida aos seu traballos, non só como mero apoio gráfico, senón coma unha mostra do seu interese pola arte, a fotografía, e o deseño. Co seu último traballo, o barco Berrogüetto continua navegando océanos musicais por descubrir e explorando novas combinacións de artes e comunicación. Nesta ocasión elaboraron así mesmo unha vídeo creación coa artista galega Olaia Sendón, na que mostran a súas inquedanzas máis profundas e a súa visión do universo.

Compartir: