Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo ofrece catro intensos días de...

DO 26 AO 29 DE AGOSTO NO XARDÍN MUNICIPAL

Carballo ofrece catro intensos días de feira e animación na Praza dos Libros 2010

Mércores 25 de agosto do 2010

O inicio das actividades é o xoves 26 ás 10.30 e a inauguración ás 13.00 horas coa intervención do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o pregón da poetisa e presentadora de televisión Yolanda Castaño. Ao longo dos catro día de feira haberá un intenso programa de actividades de difusión do libro e da lectura para todos os públicos. Así, o xoves 26 ás 19.00 horas haberá un Contacontos en verso para nenos/as por parte de Yolanda Castaño, e ás 20.30 será a presentación de 'A intervención', última novela de Teresa Moure, na que se poderá ver unha videocreación da propia autora. No acto participarán Teresa Moure e o libreiro Antón Pedreira.

O venres 27 ás 12.30 Raquel Queizás traeralle aos nenos e ás nenas os seus Contos pícaros e ás 19.00 horas monicreques Seisdedos representarán 'O galo Quirico e os seus amigos'. Ás 19.30 horas diversos autores e autoras da zona asinarán exemplares dos seus últimos libros. Neste acto participarán Rosalía Fernández, Mon Lendoiro, Alberto Varela Ferreiro e Xosé Antonio Pet Posse. Ás 20.30 horas o carballés Xurxo Borrazás, un dos escritores máis sobresaíntes da narrativa galega, presentará a súa última obra, 'Covalladas. Prosa vertical'; no acto estará acompañado pola xornalista Belén Puñal. Para rematar a xornada do venres, ás 22.30 horas haberá un festival de música e baile tradicional, con grupos de Carballo e de Uruguai.

O programa do sábado 28 estará totalmente centrado na regueifa, na tradición lúdica e na lingua. Deste xeito, ás 12.30 haberá un obradoiro de regueifas para nenos/as da man de Luís O'Caruncho e Bieito Lobariñas. Desde as 18.00 até as 20.00 horas a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional encherá a Praza con xogos populares para todos/as, como a mariola, a corda, ou o pano. Ás 19.00 horas presentarase o libro sobre O regueifeiro Celestino Álvarez Castro, 'Celestrino', de Xosé Manuel Varela; neste acto, ademais do autor e de Fernando Álvarez, participarán os regueifeiros bergantiñáns Suso de Xornes e Fermín da Feira Nova que, a partir das 19.30 horas farán un desafío regueifeiro con Luís O'Caruncho e Bieito Lobariñas, regueifeiros do sur do país. Así mesmo, a partir das 20.30 horas desenvolverase o acto 'A lingua que queremos,' unha presentación conxunta de libros sobre o proceso de normalización lingüística. E, para rematar a intensa xornada do sábado, haberá un concerto no que se mesturan as tres temáticas do día: regueifa, lingua e tradición lúdica. A partir das 22.30 horas, o grupo Os Carunchos subirá ao escenario para converter a praza nunha festa chea de ritmos bailables e cancións retranqueiras.

O último día da Praza dos Libros, o domingo 29 terá lugar tamén un intenso e animado programa. Durante toda a mañá, todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo. Ademais, durante todo o día unha orixinal ciclobiblioteca animará a feira. Ás 11.30 horas haberá un contacontos para nenos/as e ás 12.30 o recoñecido monologuista carballés Rober Bodegas asinará exemplares do seu libro 'Novedades, souvenirs, artículos de coña'. Xa pola tarde, ás 18.00 horas presentarase o libro 'Galiza en Suíza, 50 anos de presenza galega en Suíza', coa presenza do seu coordinador, Xurxo Martínez, e de Marianne Helfer. E para pechar a xornada, Cristian Magic fará as delicias dos rapaces e rapazas cos trucos de maxia de 'Palabras máxicas'. A Praza dos Libros pechará as súas portas ás 21.30 horas.

Cómpre alimentarse coa palabra, mais tamén con patacas, queixos, froita. Ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 26 pola mañá a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo e o domingo 29 co Feirón de Verán, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada. Os interesados e interesadas en consultar o programa polo miúdo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: