Inicio Carballo ao día Hemeroteca Seis locais hostaleiros do centro...

FINS DE SEMANA DO 7 AO 29 DE AGOSTO

Seis locais hostaleiros do centro carballés elevan a calidade da oferta na II Ruta do Pincho de Verán

Venres 30 de xullo do 2010

Ademais, como na Ruta do Pincho de Inverno, os veciños e veciñas poderán participar no sorteo de dous premios. Así, está previsto que o martes 31 de agosto a partires das 12.30 horas o Museo de Bergantiños acolla este sorteo, no que se chamará aos afortunados ou afortunadas ata tres veces nun período máximo de dous minutos. Un dos premios está dirixido ás persoas que teñan visitado todos os establecementos da Ruta, que, despois de ter cuñado unha papeleta que xustifique o seu paso polos seis locais, poderán optar a gañar unha fin de semana en réxime de media pensión no Pazo do Souto. O segundo está destinado a calquera que cubra a papeleta, aínda que non teña visitado todos os establecementos de hostalería, está patrocinado por Gadisa e consiste nunha compra por valor de 100 euros en calquera centro Haley ou Gadis. Os hostaleiros de O Xabarín e El Juzgado, presentes na rolda de prensa de presentación da iniciativa, esperan "que a xente se anime alomenos como na última edición, que foi moi boa". Engaden que confían en demostrar "que os que estamos aquí queremos facer algo ben feito".

Precisamente para poder demostralo, levaron unha selección dos seus mellores pinchos, feitos a base de salmón e outros peixes ou mesturando doce e salgado, nunhas combinacións exquisitas que poderán desfrutar os veciños e veciñas durante case un mes. "Esperamos contribuír a consolidar a imaxe de calidade da Ruta do Pincho", aseguran. O obxectivo da Ruta dos Pinchos é a promoción dos establecementos hostaleiros, pero tamén dos diferentes Feiróns de Tempada e os produtos da terra, xa que é unha actividade ligada ás feiras dos quintos domingos de mes. Respecto dos Feiróns de Tempada, celébranse dende o ano 2008 cando o Concello, en colaboración cos diversos sectores empresariais da zona, decidiu promover os catro Feiróns que se celebran ao longo do ano, que xeralmente coinciden coas estacións de Primavera, Verán, Outono e Inverno. Así, coincidindo co mercado dos quintos domingos de mes, os visitantes poden coñecer a oferta agroforestal, comercial e industrial das empresas do municipio e desfrutar dela.

Compartir: