Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arredor de 10.000 persoas pasaron polas casetas e...

OS INGRESOS POR VENDAS ACADARON OS 17.000 EUROS

Arredor de 10.000 persoas pasaron polas casetas e participaron nas actividades da Praza dos Libros 2010

Luns 30 de agosto do 2010

Con respecto ao nivel de vendas, houbo uns ingresos por adquisición de libros que superaron os 17.000 euros. Esta cifra é a mesma que en 2009, e supera os 15.000 euros de ingresos da edición de 2008. Deste xeito, a media de ingresos de cada unha das sete librarías participantes foi de case 2.500 euros. Así mesmo, vendéronse na Praza dos Libros arredor de 1.500 libros, dos cales arredor do 45 por cen foron libros en galego e arredor do 55 por cento libros en castelán. Os máis vendidos na lingua propia de Galicia foron 'Covalladas. Prosa vertical', do autor carballés Xurxo Borrazás, e 'A intervención', de Teresa Moure, ambos os dous volumes presentados na feira. Os libros máis vendidos en castelán foron 'El tiempo entre costuras', de María Dueñas, e 'Novedades, souvenirs, artículos de coña', do carballés Rober Bodegas, que estivo asinando exemplares.

Estas cifras son consideradas moi positivas tanto polo Concello como polas librarías participantes e consolidan a boa acollida da Praza dos Libros como unha referencia anual para a difusión do libro e da lectura. Actividades lúdicas, regueifas, presentacións, actuacións, música, maxia, autoras e autores da comarca e do país, pan e moitas outras propostas encheron de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo. Así, esta última edición da Praza dos Libros acadou o seu obxectivo de promocionar a lectura e achegoulle á cidadanía o libro e os produtos culturais galegos. Ademais, conseguiuse a convivencia o xoves e o domingo coa feira tradicional de Carballo, tendo de novo un éxito considerable a iniciativa 'Un libro, un pan', polo que o día do feirón calquera persoa que adquiriu un libro foi agasallada cun molete de pan.

Compartir: