Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 225 nenos e nenas participaron nas...

O PROGRAMA CONCILIA COLABOROU POR PRIMEIRA VEZ COA INICIATIVA

Un total de 225 nenos e nenas participaron nas Escolas Deportivas e Culturais Xiria este verán

Martes 31 de agosto do 2010

O desenvolvemento desta actividade supuxo a creación de 10 postos de traballo directos, e outros 10 indirectos a través das empresas que colaboraron coa posta en marcha das actividades das Escolas. Ademais, chegouse en 2010 á XVII edición da iniciativa, na que nos últimos anos veñen participando unha media de 200 nenos e nenas, cunha elevada demanda. Este verán, ademais das actividades diarias, realizáronse excursións e saídas á Coruña (Domus, Casa dos Peixes), á praia de Balarés ou ao Aquapark de Cerceda. No acto de peche das Escolas, que tivo lugar hoxe, estiveron presentes, ademais dos monitores, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a Concelleira de Benestar, Dores Silveira; o xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello; e representantes das Escolas de Balonmán Xiria, ademais de pais e nais e rapaces e rapazas nunha xornada de portas abertas.

O programa Concilia leva en marcha tres anos e medio e non ten deixado de ampliar os seus servizos dende a súa implantación, ata chegar neste ano 2010 a ofrecese tamén durante o verán co obxectivo de axudar a superar as dificultades que existen en moitos casos para conciliar a vida laboral e familiar. Os usuarios habituais do Concilia durante todo o ano obtiveron descontos especiais para participar nas escolas e poder así manter o coidado dos cativos e cativas. Así, de 7.30 a 10.00 horas contaron coa atención de Xolda, a empresa que desenvolve o servizo para os centros educativos durante o ano lectivo, así como con almorzo opcional. Tanto o Concello como os responsables das Escolas de Balonmán Xiria mostraron a súa satisfacción polo desenvolvemento da actividade, e a Concelleira de Benestar, Dores Silveira, manifestou a vontade do Concello de tentar manter o servizo do Concilia durante o próximo verán.

Compartir: