Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Valladolid, o Braga e o Algemesí...

SÁBADO 11 E DOMINGO 12 DE SETEMBRO

O Valladolid, o Braga e o Algemesí participan, xunto co Xiria, no VII Torneo Internacional de Balonmán Concello de Carballo

Venres 3 de setembro do 2010

Así mesmo, a organización anunciou a asistencia a Carballo para presenciar o torneo xunto coa delegación do CB Maristas de Algemesí, de Salva Esquer, un gran xogador de balonmán que, especialmente na década dos 90, xogou na Liga Asobal e conseguiu proclamarse campión da Copa de Europa, así como medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Atlanta en 1996. Respecto dos equipos, a organización destaca ao Valladolid, moi coñecido a nivel sénior pola súa participación nas competicións europeas; o feito de que o Braga se teña proclamado campión de Portugal en categorías cadete e xuvenil; ou o traballo en categorías inferiores do Maristas de Algemesí, que quedou terceiro na fase final do Campionato de España en categoría cadete hai dous anos, e que achega así mesmo a presencia de Salva Esquer. En canto ao calendario, os partidos clasificatorios serán o sábado mañá e tarde e o domingo pola mañá, disputándose as finais o domingo pola tarde ás 16.00 horas no caso de categoría cadete, e ás 17.30 en categoría xuvenil. Sobre as 19.00 horas está prevista a entrega de premios.

Desde as Escolas de Balonmán Xiria queren agradecer a colaboración do Concello e o Padroado, así como o patrocinio da Fundación Deporte Galego e a Deputación da Coruña, ademais da colaboración de Conservas Calvo, Ifecgás Pereira e a Federación Galega de Balonmán. Tamén participan no desenvolvemento do torneo Protección Civil, a Policía Local e Cruz Vermella. Os equipos visitantes aloxaranse durante a competición no CPR EFA Fonteboa de Coristanco, no Raz Surf Camp e no CEIP Fogar serán as comidas entre os participantes. O Alcalde, Evencio Ferrero, cualifica esta cita, que xa chega á súa edición número sete, como "un paso máis no compromiso co deporte de base". Manifestou a intención do Concello de seguir colaborando co deporte, especialmente en categorías inferiores e subliñou os froitos que ten dado no balonmán o traballo de Xiria, da que teñen saído xogadores carballeses que hoxe en día trunfan noutros equipos e que teñen estado na selección galega e mesmo na selección española de balonmán.

Compartir: