Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Presidente da Xunta e o Alcalde...

OS EMPRESARIOS CONTAN CON 128 NOVAS PARCELAS DE USO INDUSTRIAL

O Presidente da Xunta e o Alcalde carballés inauguran a ampliación do polígono de Bértoa, cun investimento de 25 millóns

Martes 7 de setembro do 2010

En concreto, as condicións que propón o Presidente da Xunta consisten en "rebaixar o importe da fianza para concursar; permitir con condicións a redistribución de parcelas; dobrar o prazo de un a dous anos para solicitar a licenza municipal; diminuír as penalizacións; e, sobre todo, flexibilizar a forma de pagamento, permitindo o pagamento aprazado a tres anos do 70 por cento do importe da parcela, cando en épocas anteriores se tiña que realizar ao contado no momento da escritura". Núñez Feijóo tamén lembrou que a creación do parque empresarial é "froito dun Plan desenvolvido en 2004 polo anterior Goberno da Xunta e que o actual continuou" e manifestou a vontade do Goberno actual de "facer de Bergantiños e a Costa da Morte un territorio interesante, atractivo e competitivo para atraer empresas".

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, subliñou durante a inauguración o labor dos empresarios da vila, que contribuíron xa hai más de tres décadas coa creación de Asemcar á posta en marcha de chan industrial no Concello e naquel entón "con moi pouca axuda institucional". Así mesmo, manifestou a vontade do Concello carballés de "traballar con lealdade institucional coa Xunta e con Xestur para que se desenvolva a seguinte fase do parque empresarial", de 54 hectáreas, así como para que se leven a cabo outros proxectos como a circunvalación de Carballo ou a creación da nova subestación eléctrica para o polígono que poida subministrar ás empresas que se instalen en Bértoa. Agradeceu, ademais, a colaboración de todas as partes implicadas que fixeron posible "o maior investimento público na historia xa non curta do Concello de Carballo".

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rematou a súa intervención anunciando a creación dun novo plan para acadar o pulo económico e empresarial de Bergantiños e a Costa da Morte "para que sexan atractivas para os emprendedores". Trátase do Plan Revive, que se aprobará o xoves 9 de setembro no Consello da Xunta e que suporá "un apoio continuado" para a Costa da Morte, "converténdoa -dixo o Presidente- nun centro de investimentos e de emprego". Esta medida implica a rebaixa dun 10 por cento no prezo do chan industrial da comarca, incluído o polígono carballés. O acto de inauguración do polígono de Bértoa contou coa presenza de numerosas autoridades. Así, ademais do Presidente da Xunta e o Alcalde de Carballo, asistiron o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas; o Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández; o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo; ou a a Directora Xerente de Xestur A Coruña, María Doporto. Tamén asistiron o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña; e os líderes da oposición, Alberto Sueiro e Manuel Andrade, entre outros moitos concelleiros.

Compartir: