Inicio Carballo ao día Hemeroteca Atalaya Teatro trae ao FIOT a Shakespeare, o...

CAFÉ CON...: DOMINGO 31 ÁS 19.00 HORAS

Atalaya Teatro trae ao FIOT a Shakespeare, o clásico entre os clásicos, coa célebre obra "Ricardo III"

Venres 29 de outubro do 2010

Ricardo, Duque de Gloucester, era o terceiro dos irmáns da casa de York con dereitos sobre o trono de Inglaterra no momento da Guerra das Dúas Rosas, unha guerra civil que durou boa parte da segunda metade do século XV e que se chamou así porque os contendentes, casas de York e Lancaster, tiñan unha rosa branca e vermella, respectivamente, como símbolo. Antes do comezo da obra, Ricardo xa tiña asasinado ao seu irmán Enrique VI e ao seu fillo, Eduardo, Príncipe de Gales. O outro irmán de Ricardo, segundo na sucesión, sube ao trono como Eduardo VI, finalizando así momentaneamente a Guerra Civil. Pero Ricardo segue coa súa ambición sen fin por acadar a coroa, emprendendo unha serie de asasinatos e atrocidades por conseguir o poder.

Ricardo Iniesta, recoñecido como o mellor creador escénico español actual, adaptou o texto reducindo as súas catro horas de duración orixinal ata os 105 minutos actuais nos que se respecta escrupulosamente o espírito da obra de Shakespeare, que tomou no seu momento a historia de Ricardo III escrita por Tomás Moro -célebe autor de "Utopía"- para elaborar unha das súas obras cumio. Os espectadores poderán escoitar unha das máis célebres frases da literatura universal: "¡Vilán, xoguei a miña vida a unha tirada de dados e afrontarei o azar da sorte! ¡Un cabalo, un cabalo! ¡O meu reino por un cabalo!".

Café con... Atalaya Teatro


Este espectáculo non é un máis na longa traxectoria de éxitos de Atalaya. Trátase do primeiro que estrean tras recibir o Premio Nacional de Teatro e supón un colofón aos seus vinte e cinco anos de existencia que pon de manifesto por qué esta compañía sevillana é unha das máis relevantes no panorama escénico español, como tamén o acredita a súa presenza nunha trintena de países dos cinco continentes. Neste caso, traen unha obra que aínda ten vixencia polo seu descarnado xeito de plasmar un retrato do poder e da ambición de quen non saben ver os impedimentos morais para os seus desexos de gloria. A cita é a partires das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Ademais, a compañía realizará unha nova sesión do ciclo Café con.... A cita é no Pazo da Cultura, o mesmo día da representación, o domingo 31, a partires das 19.00 horas. Unha representación dos membros de Atalaya Teatro conversará cos espectadores e espectadoras que así o desexen para desvelar as claves do seu "Ricardo III".

Compartir: